Friday 10 de May de 2024

A Xunta abre a Lagoa de Baldaio para restaurar o fluxo de auga entre o humidal e o mar e garantir o equilibrio do ecosistema


Ángeles Vázquez explica que, aínda que o nivel de auga non é crítico, tomouse a decisión de actuar porque a acumulación de área na conexión do humidal co mar é importante

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a lagoa de Baldaio logo de que a Xunta recibise o aviso do peche deste humidal e decidise proceder á súa apertura para restaurar o fluxo de auga e garantir o equilibrio do ecosistema.

A vicepresidenta segunda explicou que, aínda que o nivel de auga non é crítico, tomouse a decisión de actuar porque a acumulación de área na conexión do humidal co mar é importante. Deste xeito, logo de analizar a tabra de mareas, procedeuse a comezar os traballos de retirada de area a primeira hora da mañá para reducir a afluencia de público no momento da apertura.

O humidal da lagoa de Baldaio, que está incluída na ZEC Costa da Morte, formouse na parte posterior dunha gran barreira de area que percorre a praia da contorna. Esa barreira litoral tende a reter as augas pluviais e de escorrentía procedente do continente e tamén regula un fluxo profundo entre estas e as augas mariñas.
Desde a súa inclusión na Rede Natura 2000 o humidal sufriu distintas actuacións tanto para mellorar as súas características ecolóxicas e paisaxísticas, como para racionalizar o uso marisqueiro.
O humidal segue sendo de alimentación mixta, mantendo a conexión permanente ou case permanente co mar a través da antiga “presa” existente nun dos extremos, que carece agora de comportas, e pola que se produce o fluxo superficie de augas mariñas e continentais entre o mar e o humidal, e cuxo fluxo se ve favorecido polo control da presa interna, e pola existencia dun pozo profundo próximo á mesma

A permanencia de auga determina a presencia de distintos tipos de ecosistemas característicos dos humidais litorais de augas con diferente grao de salinidade.